Actividades para protexer o espazo público

Ademais de fomentar unha mobilidade sustentable, a Concellaría de Mobilidade quere propiciar o uso lúdico, e tamén cívico, do espazo público entre a cidadanía. Con ese obxectivo, celebraranse unha serie de actividades dirixidas a distintos sectores da poboación.

Para facilitar o desenvolvemento das actividades pecharanse ao tráfico varias rúas na contorna da Praza do Concello de Carballo. En concreto, o sábado 30 de abril, a partir das 16.00 horas, e o domingo 1 de maio, de 10.00 a 20.00 horas, estará limitada a circulación de vehículos polas rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes. Só se permitirá o paso dos usuarios dos garaxes, e, en concreto, o acceso ao situado na rúa Valle-Inclán realizarase pola rúa Concepción Arenal.

O peche das rúas vai acompañado dun convite ás familias para que animen aos nenos e nenas a converterse en protagonistas das rúas cos seus patíns, monopatíns, bicicletas, balóns, buxainas… e todo tipo de xoguetes.

Para o sábado 30 de abril pola tarde, a partir das 18.00 horas, temos programada ademais unha acción de rúa que persegue fomentar a conciencia cívica da cidadanía con respecto a un problema cotián que afecta, fundamentalmente, aos peóns: os excrementos dos cans. E para iso teremos a axuda de Dino, un can de globos biodegradables de 2 metros de altura, que paseará polas nosas rúas moi ben acompañado para amosarnos a importancia de utilizar correa ou de recoller as cacas para que non haxa “máis minas polas rúas”.

E o domingo 1 de maio contaremos coa colaboración do Club Ciclista Carballo para que as rúas Valle-Inclán, Cervantes e Concepción Arenal non só se enchan de patíns, patinetes e bicis senón tamén de xogos de habilidade para que os peques da casa desfruten dunha xornada de deporte, diversión e amizade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *