O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á presentación do libro «Pedagoxía hospitalaria. Atención educativa na contorna pediátrica», publicado pola doutora en Pedagoxía María Elena Sobrino Fernández co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O representante autonómico resaltou a importancia de dotar as aulas hospitalarias de materiais en galego e de favorecer a comunicación do alumnadogalegofalante na súa lingua “nun momento en que lle cómpre toda a proximidade, toda a acollida que nos sexa posible ofrecerlle”. Canda Valentín García tamén participaron neste acto no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Eloína Núñez, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; Federico Martinón, xefe do Servizo de Pediatría da mesma área sanitaria, e María Elena Sobrino, profesora da Aula hospitalaria do CHUS e autora do libro.
«Pedagoxía hospitalaria. Atención educativa na contorna pediátrica» está destinado en especial ao profesorado das aulas hospitalarias e busca facer accesible unha oferta educativa que axude o alumnado hospitalizado a comprender a utilidade da lingua galega e a desenvolver o seu uso correcto e eficaz, coidando a comunicación fluída. O enfoque das actividades presentadas neste volume abarca tanto o ámbito académico como o lúdico.
O libro estará presente na biblioteca das aulas hospitalarias galegas, que -coa colaboración da Xunta- se están dotando de libros de calidade que fomentan, entre outras cousas, a historia e tradicións culturais galegas en distintos ámbitos como as artes plásticas e a música. Ademais, poderá consultarse en formato dixital no Portal da Lingua Galega.
Os Balbinos fan o Camiño Inglés e o Camiño Portugués
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade xunto a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, tamén participarán este serán na presentación da colección dos libros infantoxuvenís «Os Balbinos», da autoría de Toño Núñez e Xoán Carlos García Porral en colaboración co ilustrador Gabriel Iglesias, que nesta ocasión percorren o Camiño Inglés e o Camiño Portugués.
Estes dous volumes únense á colección á que xa pertencen «Os Balbinos». «Camiño Francés e Os Balbinos». «Camiño da Prata», editados pola editorial Fervenza no marco das axudas de dinamización sociocultural do Camiño de Santiago e promoción do Xacobeo 2021, O «teu Xacobeo», da Xunta de Galicia.